Non hai fraga que non teña detrás unha bruxa, unha meiga, á que visitar… Un ente que esperte curiosidade e, a un tempo, algo de temor? Nestes anos impartindo obradoiros de escrita creativa, centrados en narrativa, as persoas asistentes aos talleres definiron a Andrea Barreira como unha bruxa… Boa, mala? Iso só o sabe quen se atreve a adentrarse nestes bosques.
Mais hai algunhas cousas certas. Naceu na Fonsagrada (Lugo), en 1986, de aí o seu coñecemento das montañas existentes e por existir, pois non todo o mundo é quen de escoitar a súa chamada.
O seu último libro é breve e ten un título longo: Desmontando o corpo, construíndo a ciencia. As xemelgas Fernández de la Vega (Baía Edicións, 2021). Fala da vida das irmás Fernández de la Vega, unha biografía salpicada de actividades que axudan a comprender a súa labor médica, investigadora, científica, docente… Un título para crianzas, mais que pode espertar tamén o interese das persoas adultas.
En 2018 publicou Palabra de Bruxa (Editorial Galaxia), onde se xulga a Berenice da casa das Xanas por bruxa. Nas páxinas veremos como as historias cambian en función da ollada de quen as observa, descubrindo por que Berenice e todo o seu aquelarre son acusadas.
Non hai luz sen escuridade (Urco Editora, 2015) é o seu primeiro libro. Lea, feiticeira da escuridade, quere escapar do seu destino. Para logralo terá que atopar a luz que tantas veces se lle aparece en soños. Porén, malia todo o seu poder, non será tan doado, pois nesta historia nada é o que parece.
Tamén se poden encontrar os seus relatos en publicacións como O libro dos libros (Editorial Galaxia, 2018); Contos do Sacaúntos. Romasanta o criminal (Urco Editora, 2016); Encontros na Terceira Era, Seguda Era, Lendas da Gallaecia (Contos Estraños, 2015, 2014, 2013)
Como podedes ver, a esta meiga da fraga gústalle xogar co que é certo e o que non o é, as aparencias, os prexuízos…Tamén lle gusta compartir o que sabe, o que aprendeu, está aprendendo e aprenderá. Por iso imparte obradoiros de narrativa (como os que atoparás nestas terras) en espazos como Taller Abierto Gestión Cultural, bibliotecas, escolas, institutos, feiras do libro… para todas as idades, pois a imaxinación e a creatividade non entenden de anos.
Terás o valor para atopar á Bruxa da Fraga?